Novas
Dende o último boletín empresarial, destacamos varias publicacións do portal de Mancomún, como a continuación dos artigos TIC sobre solucións para imaxes, con un artigo sobre a aplicación de revelado dixital Darktable. Tamén se publicaron novos números de Mancomún Podcast como o número 8 tamén sobre Darktable, o último centrouse noutros podcasts sobre software libre e o noveno, arredor de Debian 10 comentando a nova publicada en Mancomún sobre a nova versión desta distribución, que tamén trae consigo o lanzamento de Debian Edu/Skolelinux 10.
Outras novas relacionadas con actualizacións de software son as da nova versión do navegador de Mozilla, o Firefox 68 e tamén a da suite de cifrado e sinatura dixital GnuPG, que coa súa versión 2.2.17 soluciona os problemas que houbo con OpenPGP.
Dende Mancomún fixemos eco do obradoiro que organiza GALPon e A Industriosa sobre e-Téxtiles en Vigo e da publicación do “Call for Papers” da conferencia arredor de LibreOffice de Almería e tamén se publicou unha nota sobre a entrega de premios de Sharing and Reuse Awards de 2019.
Tamén destacamos que Joinup mellorou o seu asistente de licenzas e que o goberno de Navarra adopta a licenza CC BY 4.0 para os seus datos abertos.
Proxecto destacado
Ansible é unha ferramenta de software libre licenciada con GPLv3 e escrita en Python que permite a automatización de tarefas de xestión de infraestrutura informática. Con este software pódense realizar configuracións e aprovisionamentos dun xeito fácil utilizando unhas receitas previamente escritas nun ficheiro de configuración nunha linguaxe sinxela e comprensible sen necesidade de instalar ningún axente nas máquinas a administrar.
Ansible está considerada como unha ferramenta de orquestración, que permite configurar unha das máquina dunha rede como controladora de orquestración do resto de equipos empregando o protocolo SSH e permitindo así instalar aplicacións, aplicar as configuracións e realizar calquera tarefa de administración a tódalas máquinas ao mesmo tempo e incluso dun xeito autónomo.