Novas

En Mancomún iniciamos unha serie de artigos tecnolóxicos sobre ferramentas multimedia cunha primeira entrega sobre ferramentas gráficas. No portal tamén fixemos eco da publicación por parte da Amtega do seu arquetipo web libre, que pode ser reutilizado polas empresas que desenvolven ferramentas para a Xunta.

Dende o portal destacamos unha serie de eventos de software libre como pode ser o comezo dunha nova edición dos GPUL Labs na Coruña, a Akademy-es en Vigo no mes de xuño ou o novo evento EsLibre en Granada tamén en xuño.

Google presenta o Google Season of Docs, un programa para fomentar a documentación de proxectos libres, a Free Software Foundation (FSF) premia a OpenStreetMap e a Deborah Nicholson debido ás súas achegas á sociedade e por último destacamos a nova versión do software libre CopyQ, que permite a xestión avanzada do portapapeis.


Proxecto destacado

logo LibreNMS LibreNMS é unha plataforma de monitorización e supervisión de infraestrutura de rede. Trátase dun proxecto comunitario liberado baixo licenza GPLv3 e escrito maioritariamente en PHP mediante o cal se pode monitorizar os servizos e o hardware que se teñan despregados na rede empresarial podendo detectar de forma automática unha ampla gama de equipamento de rede e sistemas operativos.

Con esta solución pódese realizar autodescubrimento da rede da organización mediante o uso de diversos protocolos, configurar de forma personalizada diversas alertas, xeración de facturas para o cobro por ancho de banda utilizado útil para ofrecer servizos a través da rede dependentes do uso da mesma e conta con unha interface web para a consulta da información e configuración e ademais conta tamén con unha aplicación para Android e iOS.

Pin It on Pinterest

Share This