Neste artigo falamos de Zabbix, unha solución de software libre para a monitorización de servidores e redes de ordenadores.

A xestión dunha rede de ordenadores dentro dunha empresa é un dos aspectos principais a ter en conta, xa que definirá o xeito de levar a cabo moitos dos procesos de xestión interna que se levarán a cabo. A conectividade e a compartición de información son aspectos clave na organización das empresas modernas, sexan do ámbito que sexan.

Ademais de presentar esta solución de software libre como tal, para este artigo contamos coa colaboración de catro empresas, de cada un dos lados, dúas empresas usuarias da solución e outras dúas provedoras de servizos sobre a mesma, as cales entrevistamos para coñecer de primeira man o estado de madurez da mesma, as súas vantaxes, e a experiencia de uso nun entorno real.

Así escoitaremos de primeira man os casos de éxito de implantación de Zabbix por parte das empresas Hijos de Rivera (Estrella Galicia) e Hogarlín S.A.
Tamén falaremos con dous provedores galegos de Zabbix, Muutech e ALDABA que nos achegarán as súas impresións sobre esta tecnoloxía e sobre os servizos que se poden ofrecer como provedor da mesma.

Monitorización dunha rede de ordenadores con Software Libre

Segundo se recolle no documento de análise “A Sociedade da Información nas empresas de Galicia” na súa edición do ano 2016, realizado por OSIMGA (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia), o 100% das empresas galegas, independentemente do seu tamaño, dispoñen de ordenadores, o cal non é nada sorprendente na época actual. No mesmo estudo tamén se recolle que polo menos un 79% das empresas galegas dispoñen de servidores a través dunha rede de ordenadores, porcentaxe que se incrementa ata o 95% no caso de empresas ata 9 empregados e para as de máis de 10 empregados alcanza o 100%.

Para manter todas estas estruturas sexan máis grandes ou máis pequenas é importante mantelas monitorizadas, sobre todo os servidores, para saber se están a funcionar correctamente os servizos neles despregados. Para isto son fundamentais ferramentas como Zabbix que permiten automatizar este proceso.

Zabbix: Monitorización con Software Libre

Zabbix é unha ferramenta de software libre para monitorización de redes. Permite monitorizar e rexistrar o estado de varios servizos nunha rede de ordenadores, servidores ou hardware da propia rede. Está dispoñible baixo a licenza de software Libre GPL. Entre as súas características destacan:

  • Verificar a dispoñibilidade e nivel de resposta de varios servizos como por exemplo servizos web ou de correo.
  • Permite obter estadísticas como carga dunha CPU, uso de disco, ancho de banda da rede…
  • Permite monitorizar servizos a través de protocolos como SNMP, TCP, ICMP ou SSH e telnet.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para rematar, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

En caso de ter interese en probar Zabbix sen ter que facer unha instalación propia da mesma, en breve estará dispoñible dentro do catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

Casos de éxito de Zabbix: Hogarlín e Hijos de Rivera

Casos de éxito de Zabbix: Hogarlín e Hijos de Rivera

Resumo

Falamos con dúas empresas que actualmente empregan esta tecnoloxía. Así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución

Provedores de Zabbix: Aldaba e Muutech

Provedores de Zabbix: Aldaba e Muutech

Resumo

O tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos con dúas empresas galegas que ofrecen servizos sobre Zabbix, Muutech e ALDABA. Entrevistámolas tamén para coñecer a súa opinión da ferramenta dende o punto máis técnico.

Pin It on Pinterest

Share This