Hoxe falamos dunha solución de Software Libre que permite a creación de sitios web: WordPress.

Un sitio web é a identidade dunha empresa na Internet. Calquera empresa do tamaño que sexa ten hoxe en día a necesidade de ter unha identidade na rede, para darse a coñecer, para dar a coñecer os servizos ou produtos que ofrece, ou mesmo para vender na nube directamente eses produtos e servizos.

Ademais de presentar esta solución de software libre como tal, para este artigo contamos coa colaboración de dúas empresas, unha de cada lado, unha empresa usuaria da solución e outra provedora de servizos sobre a mesma, as cales entrevistamos para coñecer de primeira man o estado de madurez da mesma, as súas vantaxes, e a experiencia de uso nun entorno real.

Así escoitaremos de primeira man o caso de éxito de implantación de WordPress por parte da empresa BADANAMU SPAIN, S.L. que implantou esta solución como base do seu negocio online.

Tamén falaremos cun provedor galego de servizos sobre WordPress, Initcoms Soluciones TIC, rexistrado no MapaTic.gal, que nos achegarán as súas impresións sobre esta tecnoloxía e sobre os servizos que se poden ofrecer como provedor da mesma.

Creación dun sitio web con Software Libre

Segundo se recolle no documento de análise “A Sociedade da Información nas empresas de Galiciana súa edición do ano 2015, realizado por OSIMGA (Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia), o 78% das empresas de máis de 10 traballadores teñen páxina web, no caso das microempresas a cifra baixa ata o 28%. Nos últimos anos a tendencia deste indicador é a de ir subindo paulatinamente, xa que por exemplo no ano 2012 estaba no 71%.

En canto a contidos, por exemplo, o mesmo estudo revela que o máis habitual é atoparse coa presentación da empresa, a declaración de política de intimidade, o acceso ao catálogo de produtos e servizos, listas de prezos, ou servir como referencia para enlazar outros perfís da empresa na Internet.

Parece claro con estes datos que a creación dunha páxina web é unha necesidade das empresas galegas, independentemente do seu sector, xa que a información do estudo analiza todo tipo de empresas, non só as empresas TIC. Moita da información que as empresas ofrecen nas súas páxinas web é dinámica e precisa de certo grao de actualización. Isto implica que non chega con desenvolver unha páxina web estática, senón que as empresas precisan empoderarse na capacidade de manter estes sitios web ao día, e aquí é onde entran ferramentas como WordPress, que ademais de permitir crear un sitio web dende cero, ofrecen unha serie de ferramentas, sinxelas de usar, para que o sitio web se manteña actualizado, modificando e engadido novo contido.

WordPress: CMS de Software Libre

WordPress é un sistema de xestión de contidos ou CMS (siglas en Inglés de Content Management System) enfocado para a creación de sitios web na Internet. Aínda que principalmente se coñece pola súa utilización para a creación de blogs, hoxe en día permite a creación de calquera tipo de sitio web e mesmo portais complexos. Segundo diversos análises está presente en algo máis do 25% dos sitios web na Internet, é dicir, unha de cada catro páxinas que hai na Internet está feita con WordPress. É unha solución de software libre liberada baixo a licenza GPL.

Unha das principais características é a modularidade e capacidade de personalización, grazas á cantidade de plugins e temas dispoñibles, tanto oficiais como desenvoltos pola grande comunidade de deseñadores e desenvolvedores ao seu redor.

Outras das súas potencialidades son o alto grado de actualizacións, vital en termos de seguridade, e a facilidade de uso, contando cun backend moi intuitivo a través do cal se pode manter actualizado o sitio web, personalizalo e engadir novo contido.

Entrevistas relacionadas

Caso de éxito de WordPress na empresa Badanamu

Caso de éxito de WordPress na empresa Badanamu

Resumo

Para coñecer máis de preto a solución de mans de algunha empresa que a teña empregado nun entorno real, falamos cunha empresa que actualmente ten o seu sitio web desenvolto baixo esta tecnoloxía. Así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución.

Análise de WordPress polo provedor galego Initcoms

Análise de WordPress polo provedor galego Initcoms

Resumo

Analizada a ferramenta toca ver opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios. Por sorte o tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos cunha empresa galega que ofrece servizos sobre Wordpress, Initcoms. Entrevistámola tamén para coñecer a súa opinión da ferramenta dende o punto máis técnico.

Pin It on Pinterest

Share This