O software de asistencia para a xestión de proxectos é unha necesidade presente na meirande parte das empresas e institucións. Esta necesidade é fundamental nos departamentos onde se xestionan proxectos de enxeñaría tanto de software como as enxeñarías máis clásicas.
Os programas de xestión de proxectos con frecuencia teñen varias funcionalidades como poden ser a planificación de proxectos a xestión e control de orzamentos a asignación de recursos e a xestión de calendarios. Pero non todas as ferramentas alternativas teñen todas estas opcións, hai algunhas que se centran máis nunhas en concreto facéndoas destacar nestas áreas aínda que non cubran todas as funcionalidades que puidese abranguer unha ferramenta completa. Por outro lado e ao existiren varias metodoloxías á hora de xestionar proxectos tamén existen algunhas ferramentas que permiten realizar a xestión seguindo varias delas ou se centran solo nun xeito de xestionar os proxectos.

Este artigo ten o obxectivo de presentar varias das alternativas en software libre que hai de programas que nos serven para termos unha asistencia na labor de xestión de proxectos. Existen moitas máis ferramentas que nos axudan con esta tarefa, máis quixemos facer unha selección de proxectos libres que a día de hoxe están activos e que destaquen nalgún aspecto.

OpenProject

OpenProject é unha aplicación web con licenza GPLv3 que se comezou a desenvolver en 2010 e tivo a súa primeira versión no ano 2012. Tamén existe unha fundación que conta con oficinas centrais en Berlín e é a encargada de fixar as directrices do funcionamento e do futuro do proxecto.

O software OpenProject pódese empregar mediante un servizo na nube ou pode instalarse en infraestrutura propia. A propia OpenProject ofrece un servizo de aloxamento con soporte e mantemento por parte de expertos e aloxado na Unión Europea, que se pode probar de balde durante dúas semanas.
A maiores da versión da comunidade tamén conta cunha versión empresarial que ten características extra, soporte… Seguindo así o modelo de negocio open core.Na páxina web poden verse as características e capturas de pantalla da interface web. A continuación enumeramos as características principais da versión libre e comunitaria:

  • Xestión e seguimento de tarefas.
  • Xestión da liña temporal con diagramas de Gantt.
  • Taboleiros Kanban.
  • Folla de ruta de produto.
  • Soporte de metodoloxías áxiles como Scrum.
  • Xestión de calendarios e eventos.
  • Xeración de informes de custo.
  • Seguimento de erros.
  • Xestión documental e wiki.

 

En definitiva OpenProject é un proxecto bastante moderno, cunha aparencia coidada e con funcionalidades bastante completas que nos pode axudar en case calquera tipo de proxecto.

Páxina web oficial do proxecto: https://www.openproject.org/

ProjectLibre

ProjectLibre é una aplicación de escritorio de xestión de proxectos que pretende ser alternativa libre a Microsoft Project, pois ten unha interface cunha aparencia moi similar e é capaz de abrir o formato de ficheiros desta aplicación privativa.

Dende uns anos atrás ProjectLibre tamén vén traballando nunha solución web na nube destinada a solucións de xestión de proxecto para traballar colaborativamente, versión para a cal solicitan colaboradores de cara a realizar probas. Pero aínda non teñen data de publicación.

A aplicación ProjectLibre trátase dunha aplicación multiplataforma dispoñible para Mac OS X, Windows e GNU/Linux, está desenvolvida en Java e enfocada na xestión de proxectos clásica, onde se poden xestionar recursos, asignar estes a tarefas…A primeira versión de ProjectLibre saíu á luz no ano 2012 e a última versión é a 1.8.0 liberada en maio de 2018. Tanto a última versión coma o código fonte están dispoñibles na súa páxina da plataforma SourceForge. As funcionalidades principais desta aplicación son:

  • Compatibilidade con Microsoft Project 2010, 2013 e 2016.
  • Xestión e seguimento de tarefas.
  • Xestión de recursos.
  • Diagramas de Gantt.
  • Xestión Earn value.
  • Diagramas PERT.
  • Informes de tarefas e recursos.
  • Diagramas WBS (Work Breakdown Structure).
  • Diagramas RBS.
  • Histogramas do uso de recursos.

 

En resumo ProjectLibre é a ferramenta de escritorio que nos serve para a xestión de proxectos máis clásica baseada na xestión de recursos e tarefas. Trátase da máis adecuada para aqueles profesionais que queren buscar un substituto libre para Microsoft Project.

Páxina web oficial do proxecto: https://www.projectlibre.com/

Taiga

Taiga é unha plataforma de xestión de proxectos, trátase dunha aplicación web liberada baixo a licenza AGPL 3.0.
Esta solución ten un enfoque nos proxectos de software, aínda que tamén se pode empregar para outro tipo de proxectos e actividades. A aplicación web está especialmente enfocada en empregar metodoloxías áxiles como Scrum e Kanban. As funcionalidade principais son:

  • Xestión de tarefas.
  • Xestión de equipos.
  • Xestión de erros
  • Xestión documental mediante unha wiki.
  • API que nos permite realizar integracións con outras plataformas.
  • Soporte de importacións de outras ferramentas de xestión de proxectos ou que inclúen funcionalidades de xestión como Trello, Jira, Asana ou GitHub.

Podemos usar Taiga mediante un servizo na nube dispoñible dende a súa páxina web dende a cal teñen varios plans de servizo, incluso un gratuíto, con certas limitacións nos proxectos privados, pero que nos permite utilizala completamente en proxectos públicos. Alén do seu servizo na nube, tamén se pode descargar esta ferramenta e instalala en infraestrutura propia.

Taiga destaca como sistema de xestión mediante as tecnoloxías Scrum e Kanban, cunha aparencia moi moderna e moi intuitivo. É idea para aquelas persoas que estean a buscar unha alternativa libre a Trello.

Páxina web oficial do proxecto: https://taiga.io/

Tuleap

É unha plataforma de xestión de proxectos enfocada no desenvolvemento de software con metodoloxías áxiles, que foi protagonista do boletín de reutilización de software libre na administración do pasado xullo.

As funcionalidades desta solución van máis aló da administración de proxectos, conta con ferramentas máis propias de forxas para desenvolvemento como desenvolvemento e integración continua, revisión de código, xestión de probas, wiki, Git, Subversion e ferramentas de comunicación de equipos en tempo real como Mattermost.
A ferramenta conta con servizo na nube así como a posibilidade de instalalo en infraestrutura propia.

Tuleap é unha ferramenta ideal para quen precise unha integración completa entre ferramenta de xestión de proxectos e de forxa de código. Conta tamén cunha interface moderna e intuitiva.

Páxina web oficial do proxecto: https://www.tuleap.org/

Redmine

Redmine trátase dunha solución web escrita con Ruby on Rails e licenciada baixo a GPLv2.
Estre proxecto leva en activo dende 2006 é por isto que é unha das plataformas de xestión de proxectos libres máis empregadas e as que contan cunha maior documentación. Redmine permite realizar o seguimento e planificación de varios proxectos, incluíndo a posibilidade de ter agrupación de proxectos, ter un control de acceso baseado en roles, diagramas de Gantt, xestión documental, wiki, autenticación con soporte de LDAP, integración co correo electrónico permitindo tanto notificacións como agregar tarefas vía correo electrónico e como ten unha orientación ao desenvolvemento de software tamén admite a integración con respositorios de código como Subversion, Mercurial ou Git.
Redmine está dispoñible en 49 linguas entre as que están tanto o galego coma o castelán.

Trátase en definitiva dunha ferramenta cun longo percorrido, estable e ben probada con moita documentación e que pode satisfacer as necesidades de calquera proxecto, sobre todo os proxectos software por contar coas integracións con repositorios.

Páxina web oficial do proxecto: https://www.redmine.org/

Kanboard

É unha aplicación web feita en PHP con licenza MIT que ten o enfoque na simpleza e sinxeleza de uso.
Esta solución é unha aplicación que nos axuda na administración de proxectos seguindo a metodoloxía Kanban. En resumo trátase dunha aplicación que che permite xestionar taboleiros kanban. Está traducida a máis de 30 idiomas, entre eles o castelán e ten a opción de interconexión con LDAP e OAuth para xestionar a autenticación dos seus usuarios.

Trátase dunha ferramenta bastante simple e sinxela que está orientada a proxectos que simplemente necesiten unha pequena ferramenta para axudar a xestionar os taboleiros Kanban.

Páxina web oficial do proxecto: https://kanboard.org

Pin It on Pinterest

Share This