Neste artigo presentamos unha solución tecnolóxica que permite a creación e a xestión dunha tenda en liña con Software Libre: PrestaShop.

Como veremos no propio artigo o mercado das ventas por Internet está a experimentar un grande crecemento nos últimos anos. Hoxe en día existen moitas solucións tecnolóxicas que nos permiten crear a nosa propia tenda en liña. Neste artigo afondamos nunha delas, PrestaShop, que é unha das opcións máis populares para a creación dunha tenda en liña, que ademais conta coa vantaxe de ter licenza libre.

Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de varias empresas galegas, tanto provedoras da solución como usuarias da mesma, as cales entrevistamos para coñecer de primeira man o estado de madurez da mesma, as súas vantaxes, e a experiencia de uso nun entorno real.

Así escoitaremos de primeira man os casos de éxito de Kukin Calzado Infantil e de Natural Smart Beauty S.L., que nos falarán da súa experiencia coas súas tendas en liña, e tamén coñeceremos a dúas empresas galegas que ofrecen solucións sobre esta tecnolóxica, xa que é importante nestes casos poder contar con provedores tecnolóxicos preto, que nos poidan axudar na súa implantación.

Initcoms e Redegal son dous provedores galegos de PrestaShop, rexistrados no MapaTic.gal que nos achegarán as súas impresións sobre esta tecnoloxía e sobre os servizos que se poden ofrecer como provedor da mesma.

Creación dunha tenda en liña con Software Libre

As tendas en liña, constitúen un novo xeito de comercio que nos últimos anos tivo e segue a ter un crecemento moi grande. A facilidade e comodidade que ten poder comprar dende calquera sitio, simplemente empregando o ordenador ou dispositivo móbil, fai que cada vez máis comerciantes aposten por ofrecer os seus produtos neste tipo de tendas.

Segundo datos dun informe elaborado polo ONTSI (Observatorio Nacional das Telecomunicacións e Sociedade da Información) o comercio electrónico en España xerou en termos absolutos algo máis de 16.000 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 11% respecto do ano anterior. Aínda que este dato supón unha pequena desaceleración respecto ao incremento do 18% que se rexistrou entre os anos 2013 e 2014, segue a ser unha cifra importante que nos da unha idea da evolución que este tipo de vendas están a ter.

Aínda que existen moitos servizos que permiten crear unha tenda en liña con pouco traballo, sen ter que facer unha instalación dun software, e ofrecendo diferentes modelos para personalizala, hai dúas razóns clave para empregar un software como Prestashop ou similar. Por unha banda a xestión propia da información. Neste tipo de software non só se xestiona a tenda en si, senón que moitas veces tamén se inclúe na solución a xestión de clientes, provedores, facturación, etc… que implica o manexo de información sensible, polo que é recomendable ter todo baixo control. Por outra banda a posibilidade de personalización que ofrece a ferramenta é tamén moi importante, xa que a competitividade dunha tenda en liña mídese moito pola imaxe visual atractiva e comodidade de uso para o usuario.

PrestaShop: Ecommerce dende cero

PrestaShop é un sistema de xestión de contidos ou CMS, como son comunmente coñecidos polas súas siglas en Inglés, con licenza libre. A súa principal aplicación é a creación de tendas de comercio electrónico.

É un dos software máis utilizados hoxe en día para a creación de tendas en liña, non só no ámbito do software libre senón de xeito xeral entre todos os software que existen para este campo.

Altamente extensible por medio de módulos, como por exemplo os que provén diferentes tipos de sistemas de pago, é tamén moi personalizable a través de temas que poden ser creados e instalados. Está traducido a máis de 60 linguas e calcúlase que o volume de tendas en liña que o estaban a empregar con data de 2015 era de máis de 250.000 en todo o mundo.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Antes de pasar ás entrevistas cos casos de éxito e provedores correspondentes, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

En caso de ter interese en probar PrestaShop sen ter que facer unha instalación propia da mesma, en breve estará dispoñible dentro do catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

Casos de éxito de uso de Prestashop: Kukin Calzado Infantil e Natural Smart Beauty SL

Casos de éxito de uso de Prestashop: Kukin Calzado Infantil e Natural Smart Beauty SL

Resumo

Para coñecer máis de preto a solución Pretashop de mans dalgunha empresa que a teña empregado nun entorno real, falamos con dúas empresas galegas que teñen actualmente unha tenda en liña montada con PrestaShop, así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución. As empresas entrevistadas son Kukin Calzado Infantil e Natural Smart Beauty SL

Provedores de Prestashop: Initcoms Soluciones TIC e Redegal

Provedores de Prestashop: Initcoms Soluciones TIC e Redegal

Resumo

O tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, e hoxe entrevistamos a dúas empresas galegas que provén solucións e servizos sobre PrestaShop: Redegal e Initcoms, a fin de coñecer a súa opinión da ferramenta dende o punto máis técnico e coñercer opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios.

Pin It on Pinterest

Share This