Neste artigo imos profundar no concepto de goberno aberto e das plataformas tecnolóxicas que lle dan soporte na actualidade. Veremos como as tecnoloxías de software libre son principalmente as que están a sustentar ditas plataformas e as posibilidades que ofrecen, tanto para a administración pública como usuaria da mesma, como para as empresas como provedoras en potencia destas solucións e das tecnoloxías abertas que están detrás. Por último analizaremos algunhas das plataformas máis empregadas na actualidade, todas elas de software libre.

O denominado Goberno Aberto xorde a partir da aplicación da filosofía do movemento do software libre aos principios da democracia e ten por obxectivo que a cidadanía colabore na creación e mellora dos servizos públicos, mellorar a transparencia e a rendición de contas por parte dos gobernos. Ten moito que ver coa filosofía do Software Libre, xa que conceptos como transparencia, colaboración, participación… que son inherentes ao Software Libre son tamén os piares sobre os que constrúe esta nova corrente.

Neste proceso por tanto a tecnoloxía ten un papel moi importante xa que é a canle a través da cal todo isto se fai posible, sendo por tanto un novo nicho onde as empresas poden ofrecer novas solucións e onde o software libre ten un papel moi importante que xogar.

O concepto de Goberno Aberto como tal, xorde xa a finais dos anos 70 en Inglaterra, onde se reclama unha maior participación cidadá nos procesos de goberno. Varias décadas despois esta corrente se vai estendendo en parte tamén grazas á tecnoloxía, que é un dos grandes piares que o fan posible. Nunha primeira fase o Goberno Aberto ou “Open Goverment” estivo moi relacionado co concepto de “Open Data” ou Datos Abertos, movemento a partir do cal moitas administracións comezaron a liberar baixo unha licenza libre moitos dos datos e información que manexan, facéndoos accesibles para a cidadanía a través dos portais de Datos Abertos, onde ademais se comezaba a interactuar coa cidadanía, xa que moitos presentaban formularios para que esta puidese solicitar a liberación ou publicación de datos específicos.

Tecnoloxía de Software Libre

Como diciamos ao principio, esta nova corrente de goberno aberto, ten moito que ver co software libre e a súa filosofía. Os conceptos de transparencia, colaboración, participación… son os propios do software libre. É por isto que moita da tecnoloxía que está presente e que fai posible esta nova corrente sexa tamén software libre. Un bo exemplo de reutilización da información é tamén que as plataformas tecnolóxicas que fan posible compartila sexan tamén reutilizables a través da súa publicación como software libre.

Esta reutilización ademais, pode transcender o propio ámbito para a que foi creada, e grazas á súa liberación pódense atopar novos usos e non servir só para outras administracións públicas senón tamén para a cidadanía ou empresas. Ao mesmo tempo o emprego de tecnoloxías de software libre máis xeneralistas como parte destes novos portais fai tamén que estas melloren, e a publicación desas melloras e corrección de erros contribúen a enriquecer o cada vez máis basto ecosistema de software libre.

Iniciativas en España

No noso país estas iniciativas pouco a pouco gañan en relevancia e mesmo se comeza a lexislar para favorecelo. España entrou a formar parte da Alianza para o Goberno Aberto (Open Goverment Parnetrship) dende o ano 2011, na que actualmente se atopan 69 países. Ademais dende o ano 2013 contamos coa Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno (19/2013) que regula todos os dereitos cidadás sobre acceso á información que manexan as diferentes administracións. Todas estas iniciativas estatais tratan tamén de estar centralizadas a través do desenvolvemento do Portal de Transparencia, en funcionamento dende mediados do ano 2015.

No caso de Galicia, estas iniciativas de goberno aberto, comezan xa no ano 2011, onde a finais de ano, a Xunta de Galicia publica o Decreto que regula a presencia da Administración Xeneral do Sector Público en Internet co obxectivo de garantir a transparencia e impulsar a participación cidadá. Con este propósito no primeiro trimestre do ano 2012 publicábase o portal de datos abertos da Xunta de Galicia, Abert@s cun total de 250 conxuntos de datos dispoñibles nese momento e sendo unha das administracións pioneiras na publicación e liberación de datos.

Dende principios do ano pasado, a Xunta de Galicia conta tamén co Portal de Transparencia e Goberno Aberto, onde a cidadanía, ademais de poder consultar toda a información disposta en 6 áreas temáticas: Participación e relación coa cidadanía; transparencia institucional; información de relevancia xurídica; información económica, orzamentaria e estatística; información en materia de persoal; e ordenación do territorio e medio ambiente; poderá tamén solicitar acceso a contidos non presentes no portal, peticións que serán resoltas no prazo máximo dun mes, segundo o compromiso alcanzado pola administración.

Plataformas de goberno aberto con Software Libre

Son varias as plataformas de goberno aberto, baseadas en software libre, que están sendo reutilizadas en diferentes administracións públicas. Como diciamos moitos dos portais desenvolvidos empregan tecnoloxías de software libre para a súa construción, porén neste artigo recollemos as que están sendo máis empregadas, en gran parte, por seren plataformas pensadas dende un primeiro momento para a súa reutilización.

Irekia

Irekia é a plataforma de goberno aberto do goberno de Euskadi, liberada como software libre baixo a denominación de OpenIrekia, e que vai xa pola súa versión 5.0.

Esta é unha das iniciativas pioneiras neste tipo de plataformas xa que a súa primeira versión foi publicada no ano 2011. O que OpenIrekia pon a disposición como software libre son funcionalidades e compoñentes que emprega o portal Irekia:

  • Open Irekia: Xestor de eventos, novas e participación, con capacidades multimedia.
  • Open Gida: Directorio de contactos.
  • Open Argazki: Aplicación de consulta e descarga de fotografías.
  • Open Programa: Aplicación para render contas á cidadanía sobre o programa de goberno, estruturado en compromisos, áreas, obxectivos e iniciativas previstas, co seu correspondente grao de execución.

Dónde van mis impuestos

A Fundación Civio é unha organización sen ánimo de lucro que loita por mellorar a democracia, para que exista unha transparencia real e libre acceso aos datos públicos por parte da cidadanía ou calquera organización.

A plataforma “Dónde van mis impuestos” é un proxecto desta fundación, que foi desenvolvido no ano 2012 a partir do código liberado por Aragón Open Data, converténdoa nunha ferramenta coa que o Goberno Vasco publicou e mostrou os seus datos de planificación orzamentaria de execución final do presuposto.

A partir dese momento moitas outras administracións elixiron esta plataforma, como o goberno de Navarra, o propio de Aragón, a rexión de Murcia ou concellos como o de Barcelona, Madrid, A Coruña ou Santiago de Compostela.

A través desta plataforma pódense visualizar dunha forma accesible e atractiva os presupostos dunha organización, de xeito intuitivo, logrando que sexa moi comprensible para persoas sen coñecementos na materia e permitindo ademais compartir toda esa información a través das principais redes sociais.

Consul

Consul é a plataforma software sobre a que o concello de Madrid desenvolveu o seu portal de participación cidadá e que foi publicada con licenza aberta, concretamente AGPL v3.0. O obxectivo deste portal de participación cidadá é basicamente establecer unha canle de comunicación directa entre a cidadanía e os seus representantes municipais. Que a cidadanía poida participar activamente nos procesos de toma de decisión municipal e que a súa opinión sexa tida en conta.

En canto a funcionalidades, a día de hoxe conta con dous espazos diferenciados, un espazo de debate e un espazo de propostas, estando previsto desenvolver novos módulos segundo avance o proxecto.

No espazo de debate, a cidadanía pode discutir e debater sobre calquera asunto de interese para a súa cidade. Calquera usuario do portal pode abrir un novo fío de discusión. Os traballadores do concello teñen os seus propios usuarios no portal, claramente identificados, podendo participar tamén nestes debates como calquera outro usuario.

No segundo espazo, o espazo de propostas, calquera cidadá ou cidadán, previo rexistro no portal, pode propoñer novas iniciativas coa intención de recadar apoios suficientes para que a idea sexa consultada a toda a cidadanía con carácter vinculante.

Consul é actualmente unha das plataformas máis reutilizadas, sobre todo a nivel municipal. Concellos importantes como Barcelona, Oviedo, A Coruña, Valencia, Cádiz, entre outras moitas entidades públicas, están a empregar esta solución.

OGPtoolbox

OGP Toolbox é unha plataforma de software libre, inicialmente desenvolvida pola entidade francesa Etalab, dependente do goberno francés, e que ten por misión desenvolver as políticas de goberno aberto en Francia.

Ao amparo da Open Government Partnership creouse unha asociación encargada de dar soporte a este proxecto de ámbito internacional para que todos os países membros, entre os que se atopa España, poidan beneficiarse desta plataforma tecnolóxica de goberno aberto.

Pin It on Pinterest

Share This