Neste artigo presentamos unha solución para ofimática de Software Libre amplamente coñecida: LibreOffice.

A ofimática é unha necesidade hoxe en día de calquera empresa, independentemente do seu tamaño e do sector ao que pertencen. A capacidade de xerar documentos de texto, traballar con follas de cálculo, mesmo crear pequenas bases de datos ou gráficos ilustrativos é unha necesidade do máis común. Neste artigo afondaremos un pouco máis no que un paquete de ofimática cubre e presentaremos a solución de software libre máis coñecida neste ámbito como é LibreOffice.

Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de Librebit, unha empresa galega que leva tempo ofrecendo diversos servizos asociados a esta solución, como poden ser o de migración dende outros paquetes privativos ou soporte profesional e formación sobre o mesmo, sendo ademais empresa certificada pola The Document Foundation, a entidade responsable do proxecto LibreOffice.

Dende o outro punto de vista, falamos tamén cunha empresa que implantou esta solución, Gadiex, unha empresa de distribución de illamento para a construción que apostou por LibreOffice dentro do se plan de migración a solucións de software libre para o seu día a día.

Paquetes ofimáticos

Hai algunhas aplicacións, que cando nos poñemos diante dun ordenador, resultan practicamente imprescindibles. Este pode ser ben o caso dunha suite ofimática. Crear un documento de texto ou traballar cunha folla de cálculo son tarefas moi habituais. Preparar unha pequena presentación, levar un pequeno inventario cunha base de datos, ou mesmo facer un pequeno gráfico son tamén accións habituais para calquera empresa ou para calquera persoa que emprega un ordenador.

Aínda que no mercado atopamos unha solución moi consolidada e cuxo nome nos sae xa por defecto, trátase dunha solución privativa, que aínda que non supón un custo enorme no económico, á larga pode xerar moitos problemas na nosa empresa, xa que os formatos que emprega non son estándar. Iso pode facer por exemplo que de non seguir actualizando a novas versións que sae ao mercado nos atopemos sen soporte para centos ou miles de documentos de todo tipo que temos que manexar.

Por sorte, no mundo do software libre este tipo de solucións avanzaron moito nos últimos anos, e hoxe en día temos propostas como esta de LibreOffice que son unha alternativa viable a calquera outra suite, privativa ou non. A vantaxe de LibreOffice é que traballa con estándares abertos, como é o caso de ODF, polo que nunca teremos problemas coa documentación xerada.

Grazas ao traballo da The Document Foundation, ademais de ter un produto ou solución de software libre madura e que cobre practicamente tódalas necesidades que se poidan ter dunha suite ofimática, temos tamén unha extensa rede de empresas que ofrecen servizos profesionais ao seu redor. Profesionais certificados ademais pola fundación para poder ofrecernos ás nosas empresas soporte profesional, formación ou mesmo migración dende solucións privativas a LibreOffice.

LibreOffice

LibreOffice é unha suite ofimática libre desenvolvida por The Document Foundation e creada no ano 2010 coma un fork de OpenOffice polos principais desenvolvedores da comunidade.

The Document Foundation é unha fundación independente cunha organización baseada na meritocracia e que ten como obxectivo o desenvolvemento e evolución de LibreOffice.

LibreOffice é unha suite ofimática completa que conta cun procesador de textos, folla de cálculo, xestor de base de datos, presentacións, editor de fórmulas matemáticas e programa de debuxo. Permite tamén a conversión directa de calquera documento a formato PDF. É altamente extensible tamén, de xeito moi sinxelo, grazas ao seu mecanismo de extensións, que nos permite incorporarlle novas características ou funcionalidades e tamén patróns de documentos, traducións e correctores tanto ortográficos como gramaticais.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para rematar, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

En caso de ter interese en probar algunha aplicación de software libre sen ter que facer unha instalación propia da mesma, o catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual ofrece varias solucións, ás que se irán engadindo máis co paso do tempo. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

Caso de éxito de LibreOffice na empresa Gadiex

Caso de éxito de LibreOffice na empresa Gadiex

Resumo

Para coñecer máis de preto a solución de mans de algunha empresa que a teña empregado nun entorno real, falamos cunha empresa que implantou esta solución e a está empregando a día de hoxe como parte principal do seu negocio, así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución.

Opinión de LibreOffice polo provedor galego Librebit

Opinión de LibreOffice polo provedor galego Librebit

Resumo

Analizada a ferramenta toca ver opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios. Por sorte o tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos coa empresa galega Librebit que prové servizos sobre LibreOffice e que é ademais empresa certificada pola The Document Foundation.

Pin It on Pinterest

Share This