Continuamos coa serie de artigos tecnolóxicos “Ferramentas multimedia: Solucións para imaxes”, falamos agora de Inkscape, editor de gráficos vectoriais libre.

Autoría imaxe: About 0.92 1 por artelnjeru01 CC-BY-SA

Con Inkscape poderás crear e editar diagramas, liñas, gráficos, logotipos e ilustracións complexas.

Características e usos da aplicación

Inkscape é un editor libre de gráficos vectoriais con características profesionais e multiplataforma (dispoñible para GNU/Linux, Windows e Mac OS).
Os gráficos vectoriais son imaxes que están definidas mediante figuras xeométricas descritas por funcións matemáticas, polo que nos permiten redimensionar as imaxes sen perder calidade.
O formato principal que utiliza o programa é Scalable Vector Graphics (SVG), pero desde a ferramenta podemos exportar e importar varios formatos de arquivo, incluíndo SVG, AI, EPS, PDF, PS e PNG.
Ten funcionalidades moi fáciles de comprender, unha interface sinxela, soporte multi-idiomas, está deseñado para ser extensible, ademais, os usuarios poden personalizar as funcionalidades de Inkscape coas súas múltiples extensións.

Inkscape ten as ferramentas típicas dun programa de debuxo, así como o a posibilidade de traballar con capas. As últimas versións inclúen unha interface de usuario actualizada, presenta unha mellor compatibilidade con pantallas 4K/HiDPI e agora ten compatibilidade con temas.
Inkscape é unha das ferramentas libres de edición de imaxes máis empregadas.
O proxecto de Inkscape ten unha comunidade de usuarios internacional en constante crecemento e existen moitos materiais de aprendizaxe. A axuda e o soporte son proporcionados pola propia comunidade.

Autoría imaxe: Moonlight Views por Yoann Lim

Inkscape é usado por deseñadores profesionais (en empresas de publicidade ou imaxe corporativa, enxeñería/CAD, gráficos web ou deseño de cómics) e afeccionados de todo o mundo para crear unha gran variedade de gráficos como ilustracións, iconas,  logos,  diagramas, mapas e deseños web.
Con esta aplicación poderemos obter creacións coas que transmitir información gráfica de forma máis dinámica, viva e imaxinativa.

Deseño para web

Funcionalidades principais de Inkscape

– Creación de obxectos
– Manipulación de obxectos
– Recheo e bordo
– Operacións de trazado
– Soporte de texto
– Renderización

As funcionalidades pódense incrementar usando extensións. No apartado de extensións da web oficial, atoparemos unha gran cantidade delas.

Algunhas das extensións de Inkscape

Traballando con Inkscape

Pese a ter unha gran cantidade de menús e ferramentas, Inkscape ten unha curva de aprendizaxe suave e en pouco tempo estaremos facendo deseños avanzados:

Aspecto da interface de Inkscape

Ademais da área de traballo e o lenzo, existen 8 barras con diversos elementos distribuídos:

Imaxe 01 – Barras de ferramentas en Inkscape

1. Barra de título: Nome do documento.
2. Barra de menús: Contén os menús despregables.
3. Barra de comandos: Contén atallos a moitas das opcións.
4. Barra de controis de ferramenta: Contén cadros de entrada e botóns.
5. Barra de controis de axuste: Contén botóns para controlar os axustes.
6. Barra de ferramentas: Contén as ferramentas para seleccionar, debuxar ou modificar obxectos.
7. Paleta de cores
8. Barra de estado

Fluxo de traballo

A forma habitual de traballo en Inkscape é partir de figuras básicas para ir creando o noso deseño e dotándoo de máis detalles.
Desta forma conseguiremos obter deseños moi complicados a través de figuras básicas e fáciles de manipular.

Imaxe 02 – Figuras básicas en Inkscape

Inkscape aporta seis ferramentas para a creación de figuras regulares:
– Rectángulo
– Caixa3D
– Elipses
– Polígonos/estrelas
– Espiral
– Texto

Imaxe 03 – Edición de figura

Estas figuras regulares son facilmente editables. A través das opcións que nos brinda Inkscape poderemos modificar a súa xeometría, cor, bordo, transparencia e aplicarlle outro tipo de modificacións combinándoas con outras figuras.

Imaxe 04 – Textos

Os textos son outro tipo de elementos que poderemos modificar de moitas formas para formar parte dos nosos deseños.

Outra parte importante do traballo con Inkscape pasa polo control da coordenada z do elemento, conseguindo desta forma superpoñer e ocultar figuras entre si.

Imaxe 05 – Superposición de figuras

E tampouco podemos esquecernos do uso das capas para ter un control preciso sobre os elementos que compoñen o deseño, podendo aplicar tamén diferentes graos de transparencia por cada capa, varios tipos de fusión entre capas, bloquear e ocultar capas.

Capas

Ademais de crear obxectos desde cero, tamén temos a opción de importar imaxes para usar nos deseños e vectorizar mapas de bits.

Unha das ferramentas máis potentes de Inkscape son as Curvas Beizer, coas que é posible debuxar calquera forma e editala a través de nodos.

Curvas Beizer

Combinando todas estas ferramentas, conseguiremos obter deseños espectaculares como estos:

Deseño dun coche

Deseño a partir dunha fotografía

Este artigo é soamente unha pequena mostra dalgunhas das ferramentas que ten Inkscape. Se navegamos polos seus menús, atoparemos moitas posibilidades á hora de traballar cos deseños neste potente editor.

En resumo, Inkscape é unha ferramenta extensible, flexible e que se adapta perfectamente a fluxos de traballo noveis ou profesionais con ferramentas como Gimp, Krita, Darktable ou Scribus (das que falaremos en futuros artigos).

Se queres aprender máis sobre esta potente ferramenta de deseño, tes no noso repositorio documental un curso libre e gratuíto sobre “Creación de infografías e deseños vectoriais”  con Inkscape, que podedes descargar.

E se prefires ter un profesor ao teu carón, o próximo xoves 13 de xuño en horario de 16.00 a 18.30, impartiremos no CDTIC de Santiago de Compostela unha clase de “Iniciación ao deseño con Inkscape” (é necesaria a inscrición previa para poder asistir).

Autoría das imaxes 01 a 05: Curso “Creación de infografías e deseños vectoriais” do CIXUG CC-BY-SA

Pin It on Pinterest

Share This