Continuando coa serie de artigos tecnolóxicos na que nos centramos en ferramentas para traballos multimedia, e unha vez abordadas as ferramentas para traballar con imaxes, pasamos agora a analizar as opcións que temos para manipular vídeo.
Hoxe en día, o formato audiovisual está converténdose no máis consumido polos usuarios en detrimento do texto. Esta difusión débese en parte a que dispoñemos de dispositivos móbiles onde descargar e reproducir estes contidos sen problemas, e á mellora nas tecnoloxías (aumento das velocidades de descarga e abaratamento das tarifas 3G, 4G, ademais da posibilidade de poder conectarnos a unha gran cantidade de redes wifi).
A mellora das tecnoloxías das cámaras de vídeo (tanto nos sensores, nos dispositivos de almacenamento coma nos codecs de compresión) tamén axudaron a esta gran expansión do vídeo.
Por todo isto, é importante hoxe en día dispor de ferramentas para poder manipular e editar vídeo, tanto a nivel particular como profesional.
Neste primeiro artigo da serie, vamos enumerar diferentes ferramentas de software libre de edición de vídeo, que cubran a maior parte dos usos que lles podemos dar, para posteriormente analizar mediante artigos monográficos algunhas destas ferramentas.
Conceptos importantes sobre os editores
Edición non lineal
Denomínase sistema de edición non lineal na terminoloxía do vídeo, a un sistema de edición polo cal se poden ampliar ou reducir calquera secuencia dunha edición ou montaxe sen alterar nin danar as secuencias ou cadros posteriores.
Os editores non lineais son moito máis eficaces e poderosos que os predecesores sistemas tradicionais, xa que ofrecen un maior control e precisión á hora de elaborar proxectos tanto a nivel novel como a nivel profesional.
FFmpeg
FFmpeg é unha colección de software libre que pode gravar, converter (transcodificar) e facer streaming de son e vídeo. Inclúe libavcodec, unha biblioteca de códecs. FFmpeg está desenvolto en GNU/Linux, pero pode ser compilado na maioría dos sistemas operativos, incluíndo Windows.
Edición de vídeo sinxela
Existen moitos programas de edición de vídeo sinxelos que poden chegar a cubrir a maior parte de casos de usos básicos, inda que a realidade é que os editores que vamos mencionar neste apartado tamén poderían cubrir necesidades máis avanzadas dos usuarios.
Dende Mancomún destacamos Kdenlive, un dos editores con maior traxectoria e máis coñecidos no mundo do software libre, e que destacou por ser unha das primeiras solucións que funcionaban moi ben en sistemas GNU/Linux, ademais de estar orientado a usuarios non profesionais.
Tamén destacamos Shotcut, proxecto máis recente pero que está a ter un desenvolvemento e difusión moi grandes, sendo un dos editores preferidos pola xente hoxe en día. Conta con algunhas características de editores profesionais.
Kdenlive
Kdenlive é un editor de vídeo non lineal que foi concibido principalmente para a plataforma GNU/Linux pero funciona tamén en BSD, MacOS e está a ser implementado na plataforma Windows como proxecto GSOC. Kdenlive é software libre, licenciado baixo a GNU General Public License.
Este programa é ideal para ser usado por principiantes e pequenos proxectos persoais.
Kdenlive ten soporte de todos os formatos FFmpeg (MOV, AVI, WMV, MPEG, XviD, e FLV), e tamén soporta as relacións de aspecto 4:3 e 16:9 para PAL, NTSC e varios estándares HD, incluíndo HDV.
Kdenlive permite editar nunha multipista, cunha liña de tempo e unha cantidade ilimitada de pistas de son e vídeo. Ademais é fácil crear, mover, recortar vídeos, sons, textos e imaxes. Dispón dun amplo repositorio de efectos de vídeo, de son e transicións.
Shotcut
Shotcut é unha software de edición de vídeo multiplataforma gratuíta e de código aberto para FreeBSD, GNU/Linux, macOS e Windows.
Shotcut é compatible cos formatos de vídeo, son e imaxe a través de FFmpeg. Utiliza unha liña de tempo para a edición de vídeo non lineal de varias pistas que pode estar composta de varios formatos de arquivo.
Características destacadas:
– Posúe aceleración por hardware
– Conta cunha serie grande de filtros de son e vídeo.
– Admite formatos de imaxe populares como BMP, GIF, JPEG, PNG, SVG, TGA, TIFF, así como secuencias de imaxes.
– Pode facer capturas de webcam e son
– Soporte para resolucións 4K
– Reprodución de fluxo de rede
– Pode exportar un só cadro como imaxe ou vídeo como secuencia de imaxes
PiTiVi
Pitivi é un editor de vídeo non lineal libre, de código aberto publicado baixo a licenza LGPL.
En abril de 2010, co lanzamento de Ubuntu 10.04 Lucide Lynx, Pitivi 0.13.4 converteuse no primeiro editor de vídeo incluído como parte da distro de Ubuntu; con todo, a partir da versión 11.10 de Ubuntu, PiTiVi será eliminado dela porque non convenceu aos usuarios.
Pitivi obtén as súas capacidades de renderizado, importación e exportación do framework GStreamer, e comenzou tendo capacidades básicas de edición, como cortar, enlazar, unir e separar clips (pensado para un uso básico do usuario).
Pese a que comezou como un editor sinxelo sen efectos de vídeo ou son, pouco a pouco foi desenvolto en colaboración por persoas de todo o mundo, co propósito de ser un gran editor de vídeo para que a xente poida expresarse a través do vídeo.
Hoxe en día xa conta con características avanzadas, polo que non podemos seguir falando del como dun editor básico, cubrindo as necesidades tanto dos noveis como da xente con maiores necesidades.
Flowblade Movie Editor
Flowblade é un editor de vídeo non lineal multipista publicado baixo licenza GPL3, gratuíto e de código aberto para GNU/Linux, pensado tanto para principiantes como para usuarios máis avanzados.
Flowblade soporta todos os formatos soportados por FFmpeg ou libav (QuickTime, AVI, WMV, MPEG e Flash Vídeo, entre outros), e tamén soporta relacións de aspecto 4:3 e 16:9 tanto para PAL, NTSC como para varios estándares HD, incluíndo HDV e AVCHD.
Outras características:
– Edición con 4 ferramentas de movemento, 3 ferramentas de recorte, 4 métodos para engadir clips na liña de tempo e a funcionalidade de arrastrar e soltar.
– Máximo 9 pistas combinadas de vídeo e son.
– Composición de imaxes con 6 compositores e capacidade para mesturar, ampliar, mover e rotar animacións.
– Filtrado de imaxe e son con máis de 50 filtros de imaxe e máis de 30 filtros de son.
– Ferramenta de títulos incorporada.
– Ferramenta de efectos G’MIC.
– Keyframing ilimitado para os atributos dos clips.
– A interface de usuario foi traducida a varios idiomas, incluíndo español, francés, italiano, húngaro e alemán.
Edición de vídeo profesional
Se as necesidades de edición son maiores existen outro tipo de programas que contan con funcionalidades máis avanzadas como poden ser Blender e Cinelerra (con interfaces gráficas) ou Ffmpeg (para traballar dende a liña de comandos e poder automatizar moitos procesos).
Blender
Blender é a suite multiplataforma de creación 3D gratuíta e de código aberto máis importante que existe a día de hoxe, pero tamén conta cun módulo de edición de vídeo moi potente, por iso o incluímos neste artigo.
O programa foi inicialmente distribuído de forma gratuíta pero sen o código fonte, aínda que posteriormente pasou a ser software libre, liberado baixo a licenza GNU GPLv2. Actualmente é compatible con todas as versións de Windows, MacOS, GNU/Linux, Solaris, FreeBSD.
O editor de vídeo incorporado de Blender, permite realizar accións básicas como cortes e empalmes de vídeo, así como tarefas máis complexas como o enmascaramento de vídeo ou a corrección de cor avanzada.
Características avanzadas:
– Previsualización en vivo, forma de onda de luma, vectorescopio cromático e visualización de histogramas.
– Mestura de son, sincronización, depuración e visualización de formas de onda.
– Ata 32 pistas para engadir vídeo, imaxes, son, escenas, máscaras e efectos.
– Control de velocidade, capas de axuste, transicións, fotogramas clave, filtros.
Cinelerra
Cinelerra naceu de e para profesionais, e non é recomendado para principiantes debido á súa complexidade de uso.
Cinelerra é un programa libre para a edición de vídeo baixo o sistema operativo GNU/Linux. Ten capacidade para retocar fotografías e permite importar directamente arquivos MPEG, Ogg Theora e RAW, ademais dos formatos máis comúns de vídeo dixital: avi e mov.
Soporta son de alta fidelidade e vídeo: traballa cos espazos de cor RGBA e YUVA, utiliza representacións de coma flotante e de enteiros de 16 bits, respectivamente.
Cinelerra ten moitas características para contido sen comprimir, procesado e produción de alta resolución.
Ffmpeg
FFmpeg é un software multiplataforma que funciona en GNU/Linux, MacOS, Microsoft Windows, BSD, Solaris, liberado baixo unha licencia GNU Lesser General Public License 2.1+ ou GNU General Public License 2+ (dependendo de que bibliotecas estean incluídas).
É capaz de codificar/decodificar, reproducir en liña, filtrar e reproducir practicamente todo o que os humanos e as máquinas crearon, pero non está pensado para usarse cunha interface gráfica como nos casos anteriores de editores vistos.
FFmpeg é un programa bastante sinxelo e fácil de usar, orientado tanto a persoas con coñecementos avanzados como usuarios novatos, pero facendo uso da liña de comandos (polo que moitos usuarios noveis prefiren non utilizalo como solución).
A través da liña de comandos podemos automatizar moitos procesos e traballar cun gran número de arquivos ao mesmo tempo, ademais de non necesitar un equipo moi potente para poder traballar con el (no caso dos editores con interface gráfica, necesitaremos máquinas máis potentes para ter un traballo fluído).
Compoñentes
– ffmpeg: é unha ferramenta de liña de comandos para converter son ou vídeo dun formato a outro. Tamén pode capturar e codificar en tempo real desde diversos dispositivos.
– ffserver: é un servidor de streaming multimedia de emisións en directo.
– ffplay: é un reprodutor multimedia.
– Bibliotecas de códecs e funcións de procesado e escalado: libavcodec, libavutil, libpostproc, libswscale.
Gravadores de escritorio
Outro grupo de ferramentas que son de uso común son os gravadores de escritorio.
Programas que permiten capturar o que pasa no noso escritorio e poder gravar estes contidos ou emitilos por streaming, podendo mesturar varias fontes de imaxe e son coma no caso de OBS Studio (a aplicación favorita de moita xente que xera contidos para YouTube e outras plataformas de vídeo).
Outros exemplos de gravadores máis sinxelos de escritorio serían:
– Kazam
– Gnome screenshot
– Simple Screen Recorder
– gtkrecordmydesktop
– Vokoscreen