Comprar ordenadores de escritorio ou portátiles (novos ou de segunda man) cunha distribución GNU/Linux instalada é posible a día de hoxe, inda que non dispoñamos de tantas alternativas como nos gustaría ter.

GNU_Linux

Vantaxes de comprar un ordenador con GNU/Linux instalado

  • Aforro en licenzas innecesarias. Non é necesario pagar unha licenza dun sistema privativo como Windows, se non o imos utilizar no noso ordenador.
  • Non perdes a garantía por ter que borrar a partición de Windows ou a partición de recuperación (que soe vir instalada de fábrica).
  • Compatibilidade asegurada dos compoñentes do equipo (polo menos co sistema GNU/Linux que traia instalado, por eso é importante asegurarse de que distribucións foron testeadas pola empresa antes de facela compra).
  • Contribúes a aumentar a oferta no mercado.
  • Colaboras con certas distribucións. Existen distribucións como KDE Neon ou Manjaro que teñen convenios con empresas de hardware e polo tanto estamos colaborando economicamente co desenvolvemento delas.

 

Opcións de compra, equipos novos

Vant

Vant

A empresa española Vant, inda que empezou fai anos cun catálogo centrado na gama media de ordenadores de sobremesa e portátiles, a día de hoxe conta cun gran catálogo tanto en gama media (con prezos competitivos) como en gama alta (con ordenadores para cubrir necesidades de maior potencia e acabados de maior calidade como é o aluminio).
Na configuración da compra, temos a opción de seleccionar unha destas seis distribucións: Ubuntu, Linux Mint, Kubuntu Linux, KDE Neon, Lliurex, MAX 10, pero tamén podemos solicitar a instalación doutra que nos guste máis.
Dispoñen tamén da venta de accesorios, entre os que destacamos o Kit Linuxero (formado por teclado máis rato, tuneados coa mascota linuxera Tux).

Slimbook

Slimbook

Seguimos con outra empresa española, Slimbook, máis centrada na gama alta e con modelos moi interesantes que pretenden cubrir certas necesidades doutros usuarios, como poden ser gamers e outros que buscan ter moita potencia no seu equipo cun acabado atractivo.
Dispoñen dun catálogo grande de portátiles con carcasas de aluminio, un par de modelos de sobremesa de gran potencia, un modelo que conta cun monitor grande cun ordenador integrado dentro del, un mini ordenador (de tamaño, non en prestacións) e outro modelo pensado para postos informáticos con poucos requisitos como pode ser un colexio ou empresa.
Slimbook é un fabricante recomendado por KDE Neon.

PcUbuntu

Pcubuntu

Outra empresa española que mencionamos nesta escolma, asentada en Granada, PcUbuntu é unha tenda online onde atoparemos equipos novos e algún reciclado, co sistema operativo Ubuntu ou Linux Mint e a posibilidade de pedir a instalación doutra distribución.

StationX

Stationrx

StationX é un fabricante británico que ofrece un catálogo pequeno, onde escoller entre un modelo de ordenador de escritorio e tres portátiles.
As distribucións Linux que podemos escoller son: Debian, Ubuntu, KDE Neon, LinuxMint, Manjaro, Fedora e OpenSuse.
StationX é un dos fabricantes recomendados por Manjaro.

Ubuntushop.be

Ubuntushop.be

Ubuntushop.be, empresa belga que dispón dun gran catálogo con diferentes opcións de hardware ensambladas nos Países Baixos, equipos de escritorio, portátiles e servidores.
Están avalados por Ubuntu, Linux Mint e Manjaro como instaladores certificados.
Dan a opción de mercar o equipo cun gran número de distribucións GNU/Linux onde elixir.
Ademais, dispoñen de equipos pensados para obter o maior grado de seguridade e privacidade para os usuarios que o necesiten, contando con distribucións como son Tails e Kodachi (con vps e openvpn).

System76

System76

System76, empresa afincada en Estados Unidos, conta cun gran catálogo que inclúe ordenadores de sobremesa, portátiles, mini ordenadores e servidores.
Os seus equipos veñen cunha distribución GNU/Linux desenvolta pola propia empresa, chamada Pop!_OS.

Dell

Dell

Algunha empresa das máis grandes e coñecidas, como é Dell, tamén levan algúns anos sacando ao mercado algúns equipo cunha distribución libre preinstalada (Ubuntu e nalgúns casos RHEL).
Así, podemos atopar varios dos últimos modelos de Dell como son algún da liña Precision, Latitude e Vostro con Ubuntu preinstalado e no caso dalgún modelo da liña Precision con RHEL.

Entroware

Entroware

Entroware, empresa británica, conta tamén cun gran catálogo de ordenadores de escritorio, portátiles e servidores, pasando pola gama media ata a gama alta.
Dan a posibilidade de configurar a compra do equipo con Ubuntu ou Ubuntu MATE instalado.

Ubuntu soe ser a distribución escollida para instalar por defecto pola maior parte dos fabricantes porque é a distribución que menos problemas ten de compatibilidade co hardware, sobre todo co máis recente.

Outras opcións de compra, equipos reciclados

Reciclanet

Reciclanet

Reciclanet, asentada en Bilbao, é unha ONG ecoloxista, educativa e solidaria, que traballa na difusión do software libre e na reutilización de ordenadores, intentando darlle unha segunda vida a este equipos a través de distribucións libres (exclusivamente).
Formáronse no ano 2000, e desde entón levan recollendo aparellos electrónicos, probando o hardware e reparándoo para despois doalo ou vendelo na súa tenda.
Ao ser aparatos reciclados, teñen uns prezos moi competitivos. Normalmente instalan a distribución Ubuntu Mate neste tipo de equipos. Teñen en catálogo ordenadores de sobremesa, portátiles, compoñentes e periféricos.

Pin It on Pinterest

Share This