Neste artigo presentamos unha plataforma tecnolóxica de formación en liña con Software Libre: Chamilo LMS.
A formación en liña é cada día máis unha alternativa á formación tradicional, tanto como iniciativa de negocio, como para ofrecer formación dentro dunha empresa. Neste artigo afondaremos un pouco máis nestes temas, presentando unha solución de software libre para a creación de plataformas de teleformación, como é Chamilo LMS.
Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de Contidos Dixitais, unha empresa galega que leva tempo adicada a montar este tipo de plataformas e que está moi implicada no desenvolvemento de Chamilo LMS. Falamos con eles para que nos conten máis sobre esta solución.
Dende o outro punto de vista, falamos tamén cunha empresa que implantou esta solución, Emana, unha empresa especializada na formación e coaching que apostou por Chamilo LMS para ofrecer os seus servizos.
Plataformas de formación en liña
As plataformas de formación en liña están a ter un importante auxe nos últimos anos, ben sexa como iniciativa de negocio para ofrecer cursos ou ben para completar a formación dos empregados dentro dunha empresa.
No primeiro caso a potencialidade dos cursos en liña é clara, pódese chegar a moita máis xente grazas a deslocalización xeográfica e tamén a atemporalidade. As novas tecnoloxías fan que cada alumno poda participar nos cursos independentemente de onde se atopa, facelo ao seu ritmo, e aínda así poder participar de sesións de titorización ou cambiar opinións con outros alumnos.
Moitas empresas están apostando tamén por este tipo de formación para os seus empregados, ben sexa para mellorar as súas capacidades ou ben para a formación corporativa. Dende grandes corporacións ou entidades que empregan este tipo de formación para os seus empregados, ata entidades máis pequenas como tendas de roupa por exemplo, que teñan varios puntos de venta e queiran aforrar custos ao non ter que enviar unha persoa a todos eles para dar formación sobre novas campañas.
Chamilo LMS
Chamilo LMS ou Chamilo Learning Management System é un software que permite crear un campus virtual para a impartición de formación en liña ou na modalidade semi-presencial.
É unha solución de software libre que se distribúe baixo a licencia GNU GPL versión 3, impulsada por unha asociación co mesmo nome, que dende 2010 se encarga do seu desenvolvemento.
A filosofía de Chamilo é a de ofrecer unha solución que sexa sobre todo sinxela de usar para calquera tipo de institución ou entidade. A pesar de ser unha ferramenta que conta con apenas 5 anos de vida, máis de 11 millóns de usuarios en todo o mundo confían xa nela para ofrecer os seus cursos.
Chamilo conta cunha rede de provedores oficiais que ofrecen soporte profesional e servizos como a contratación dunha instalación de Chamilo na nube. Entre eles atópase por exemplo a empresa galega Contidos Dixitais, protagonista da nosa entrevista.
Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia
Antes de pasar ás entrevistas cos casos de éxito e provedores correspondentes, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.
Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.
Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.
Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.
En caso de ter interese en probar PrestaShop sen ter que facer unha instalación propia da mesma, en breve estará dispoñible dentro do catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.
Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.