Nesta entrega veremos unha recompilación de ferramentas moi interesantes para Android que calquera usuario necesita ter no seu smartphone ou tablet. Falamos das Simple Mobile Tools.

Na web oficial do proxecto, defínense a si mesmos como:
Un grupo de aplicacións Android sinxelas e de software libre, sen anuncios nin permisos innecesarios”.

Atopar boas aplicacións de software libre para Android non é tarefa sinxela. O usuario afíxose a que lle regalen apps, que poden descargar gratuitamente desde Google Play, a cambio de recibir publicidade, instalando no noso dispositivo aplicacións pouco (ou nada) optimizadas e concedéndolle ás devanditas aplicacións permisos que non necesitan para o seu normal funcionamento.

Tibor Kaputa é o desenvolvedor dun conxunto de utilidades para Android que reuniu baixo o nome de Simple Mobile Tools, que seguen a filosofía anteriormente exposta: son aplicacións pouco intrusivas, lixeiras, sen publicidade, sen permisos innecesarios e de software libre (licenciadas baixo Apache 2.0).

O proxecto pódese atopar aloxado tamén en F-Droid e Google Play.

F-Droid é un repositorio de aplicacións de software libre para Android verificadas, e tamén un completo «kit de tenda de aplicacións», proporcionando todas as ferramentas necesarias para montar e facer funcionar un almacén ou tenda de aplicacións.

É un proxecto de software libre comunitario, desenvolto por un amplo rango de contribuidores. Tamén inclúe ferramentas completas para compilación e publicación, para xestionar o proceso de transformación do código fonte da aplicación en compilacións publicadas.

Simple Mobile Tools

Simple Mobile Tools é unha colección de moitas ferramentas de uso común. Vamos ver unhas cantas:

Calendario Simple: Axenda

App de calendario que permite a inserción de citas, anotacións, avisos, … con distintas opcións de visualización. É compatible coa sincronización CalDAV (protocolo para sincronizar o noso calendario cun servidor remoto) o que nos permitirá conectarnos co noso servidor e ter sincronizados os eventos nos nosos dispositivos.

Galería Simple: Album de Fotos

Unha app de visualización de fotos e vídeos, que admite gran cantidade de formatos (incluíndo RAW, svg, fotografías panorámicas, …). Permítenos buscar elementos, realizar presentacións de diapositivas, filtrar arquivos por tipos, soporta papeleira de reciclaxe, marcar favoritos, posúe un editor para poder modificar/retocar imaxes e aplicar filtros, ….

Contactos Simples

Xestionar os contactos no noso dispositvo (teléfonos, email, direccións postais, …) e mantelos sincronizados co noso servidor nunca foi tan sinxelo.

Reprodutor Música Simple

Reprodutor mutimedia facilmente controlable desde a propia app, a barra de estado ou mediante os botóns de hardware dos auriculares. Ten integrado un ecualizador e pode ordenar as pistas por título e autor.

Notas Simples

Creación de notas e listas. Un simple campo de texto para engadir notas rápidas ou listas de elementos.

Calculadora Simple

Unha sinxela calculadora.

Xestor de Arquivos Simple

Un xestor de arquivos e cartafoles, tanto da memoria interna como da tarxeta SD, do noso dispositivo. Un xestor de arquivos sinxelo, limpo e fácil de usar.

Lanterna Simple: Luz LED

Unha sinxela app de lanterna con brillo extra de pantalla e un estroboscopio personalizable. Como o resto de apps do autor, non contén anuncios nin permisos innecesarios.

Hai máis apps que forman parte das Simple Mobile Tools que podedes revisar nesta ligazón.

Simple Grazas

Se queres contribuír economicamente co proxecto, existen algunhas destas aplicacións en versión Pro que teñen un pequeno custo de adquisición e, por suposto, seguen sendo de software libre e mantendo a filosofía inicial do desenvolvedor de non ser intrusivas (nin cos permisos, nin coa publicidade). Tamén existe a app Simple Grazas, para poder contribuír a este proxecto.

Algún dos textos pertencen ao número 03 de Xeneración Ñu, Artigo en galego para Xeración Ñu – 03: Simple Mobile Tools de Miguel Ángel Rodríguez Muíños.

As imaxes foron sacadas da web oficial do proxecto Simple Mobile Tools e de F-droid.

Pílula en vídeo sobre

 

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres nos vosos dispositivos Android.

Pin It on Pinterest

Share This