Continuamos coa serie de artigos acompañados de videotitoriais sobre aplicacións de software libre para usuarios de a pé.

Nesta entrega veremos como editar fotografías con GIMP.

GIMP

GIMP é unha moi boa solución libre para facer retoques básicos e avanzados ás nosas fotografías e tamén conta coa capacidade de crear deseños partindo de cero. Adáptase ben tanto para usos profesionais e empresariais como para usos menos esixentes por parte de usuarios máis básicos.

As imaxes son un recurso utilizado en moitos medios, tanto impresos como dixitais e unha forma de gardar os nosos recordos para que perduren no tempo. Pero as imaxes que obtemos das cámaras fotográficas na maior parte dos casos non as podemos usar directamente, necesitamos facerlles transformacións e adaptalas ás nosas necesidades.

Necesitamos dispor dunha ferramenta versátil, fácil de usar e potente ao mesmo tempo como é GIMP.

Características

GIMP (siglas en inglés de GNU Image Manipulation Program) é un programa de edición e retoque de imaxes dixitais, aplicación de software libre (forma parte do proxecto GNU e está dispoñible baixo a licenza GPL e LGPL), é multiplataforma (GNU/Linux, Windows, Mac OS, FreeBSD e Solaris) e conta cunha gran comunidade de usuarios.

A interface de GIMP está dispoñible en varios idiomas, entre eles: galego, español, inglés, catalán, alemán, francés, italiano, ruso, sueco, noruegués, coreano e neerlandés.

Usos da aplicación

GIMP pódese usar para diferentes tarefas como son o retoque e edición de imaxes, debuxo de formas libres, cambiar o tamaño e dimensións dunha imaxe, recortar, facer fotomontaxes, converter a diferentes formatos de imaxe, alixeirar o peso do arquivo e outras tarefas máis especializadas como a edición avanzada usando ferramentas como as capas, canles de cor, niveis, curvas e moitas outras.

Pódese tamén crear imaxes animadas, en formato GIF e MPEG, usando plugins.

A súa comunidade de desenvolvedores esfórzase en manter e evolucionar unha aplicación gráfica de alta calidade para a edición e creación de imaxes orixinais, de fotografías, de elementos gráficos, tanto de páxinas web como de elementos artísticos.

Pílula en vídeo sobre edición de fotografías con GIMP

 

Esperamos que vos gustara este videotitorial e que empecedes a usar ferramentas libres para as vosas actividades cotiás.

Pin It on Pinterest

Share This