Okawix, para consultar a wikipedia sen estar conectado

Venres, 18 Setembro 2009

Okawix, navegador de WikipediaOkawix é un aplicativo con licenza GPL que permite consultar o contido da wikipedia sen necesidade de estar conectado á rede.

Como non sempre é posíbel ou práctico estar conectado á Internet directamente (por exemplo nun centro escolar ou en gran parte da Galicia interior) mentres que sempre é útil poder consultar o océano de información que contén a Wikipedia sen ter que ir descargando o contido páxina a páxina este software GPL ten a virtude de facernos a vida máis doada e de poder levar o coñecemento acumulado polo proxecto a calquera parte.

Okawix funciona como un navegador offline que permite a descarga de calquera dos proxectos da Wikipedia Foundation (Wikisource, Wiktionary, Wikiquote, Wikibooks), con ou sen imaxes e en calquera das súas 253 linguas. En concreto o aplicativo descarga directamente os dump da base de datos que periodicamente se ofrecen desde a propia Wikipedia, polo que en realidade non se descarga a wikipedia ao día.
O espazo que ocupa é moi reducido grazas ao formato de compresión .zeno -os 51.004 artigos da Galipedia (wikipedia galega) completa ocupan menos de 100 MB sen imaxes e menos de 600 MB con elas-. Isto permite poder levala mesmo directamente nun pendrive.

A propia empresa desenvolvedora, Linterweb, recomenda esta opción como vía de financiamento do proxecto: un pendrive de 2 GB con okawix incorporado e a wikipedia galega completa custaría menos de 15 €. Tamén é posibel solicitar a conversión de calquera web nun "corpus" que se poida consultar offline.

A principal novidade con respecto ao que había ata agora para a consulta en desconexión é que incorpora un motor de busca propio, especializado, wikiwix s que funciona realmente ben sen necesidade de instalar un servidor en local. Este motor de busca desenvolvido en principio para a lectura da wikimedia é quen de ler calquera outro documento HTML.

Okawix, navegador de Wikipedia

Utiliza as tecnoloxías Mozilla (XUL/Javascript, compoñentes XPCOM en C++) e funciona tanto sobre Linux como calquera dos sistemas operativos Windows ou MacOS.

O aplicativo, desenvolvido pola empresa Linterweb, está xa localizado en galego mediante un sistema semiautomatizado, translatewiki.net, plataforma de localización de proxectos libres.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal